martes, 16 de setembro de 2025

O cole xa cheira a terra

Comeza un novo curso que abre as portas do cole a unha horta, a un xardín, á terra.


Carola recíbenos debaixo do título do PDI onde 2 mans terman dunha pequena árbore

A columna do centro é un xardín con flores das estacións de inicio de curso: verán e outono

O mural de PRODUTOS DE TEMPADA xa está a agardar polo traballo das clases

Ao fondo, as parras están cheiñas de uvas

Castelao quedou con nós dende o curso pasado e dalle nome á taberna

As flores chegaron ao 1º andar da man das profes de inglés






O noso espazo creaTIvo polo mundo

 A Consellería de Educación escolleu a nosa biblio e o seu espazo creaTIVo para presentar a nova edición do programa BIBLIOTECAS CREATIVAS

O portal da Consellería amosa a súa interpretación da nosa biblio, e hai que decir, que se parece bastante á realidade:

Colexio de Figueiroa

O Colexio de Figueiroa da Estrada converteu o programa Biblioteca creativa nunha liña transversal do seu día a día, organizando actividades moi variadas e continuadas no tempo. Todas as titorías teñen unha sesión semanal para coñecer e traballar os recursos deste espazo. Entre eles destacan a elaboración de hologramas ou ‘Creando para tod@s’, no que recollen as necesidades de recursos na aula e se elaboraban os produtos requiridos.

 

O Colexio de Figueiroa participa no Plan de mellora de bibliotecas escolares desde o curso 2008/09 e no programa Radio na biblio desde o curso 2018/19. Destaca, neste eido, a participación do alumnado voluntario na xestión e organización da biblioteca escolar, así como impartindo obradoiros nos tempos de lecer ao alumnado ou creando materiais para a divulgación dos recursos da biblioteca para toda a comunidade educativa.


No perfil que teñen en Facebook tamén fan mención á visita e publican fotos:

O Consello de Redación do Xornal da biblio explica o seu traballo a Judith Fernández

A Directora Xeral tamén presenciou unha clase de programación "entre iguais"

E tamén publican outras fotos con aquelo que chamou a súa atención:


O NOSO MOBILIARIO

  

A SINALÉCTICA DOS ESPAZOS

 

ACTIVIDADES...

 








luns, 15 de setembro de 2025

Novo PDI para este curso: LABREGAS


 O ano 2026 está declarado pola ONU como “Ano Internacional da Agricultora”, e o CEIP de Figueiroa aproveita para desenvolver o PDI LABREGAS.



O noso centro está ubicado nun concello rural, A Estrada, formado por 51 parroquias, das que só unha podemos considerar como casco urbano. A agricultura supón unha ocupación económica, política e social da maior parte do territorio, aínda que en claro retroceso.

A case totalidade das familias que conforman a nosa comunidade educativa tiveron, e moitas delas aínda teñen, vínculos coa terra como medio de producción: unha horta, un invernadoiro, ou unha gran plantación.

A pesares de que o mundo rural non está a vivir o seu mellor momento, a muller segue a ser o piar fundamental desta relación entre sociedade e territorio

Ademais do valor reivindicativo desta data, queremos aproveitar para facer unha merecida homenaxe a todas as nosas mulleres labregas, ás labregas do noso concello e sobre todo, ás labregas das nosas familias.


Xa está dispoñible o BANCO DE RECURSOS do novo PDI. Pode accederse na páxina PDI da barra superior.