Hai uns días a entrada do noso cole encheuse de carteis nos que se recollía o lema "Eu tamén son 261, e ti?", o que obrigou á totalidade do alumnado e profesorado do centro a investigar sobre o seu significado e, por conseguinte, a coñecer a historia da atleta Kathrine Switzer e doutras mulleres que, coma ela, romperon teitos de cristal en materia deportiva. Como broche final á actividade, alumnado e profesorado engalanou o seu dorsal 261 con termos propios do activismo feminista e lucíunos durante a Carreira Olímpica do Magosto celebrada o venres pasado, dando un pasiño máis en prol da igualdade de xénero.