Ola amiguiñas e amiguiños! Canto tempo sen vervos... eh? Moito vos botei de menos! Claro, tardastes tanto! Menos mal que estando na biblioteca, nunca me faltou un libro para ler!
- Estaremos alucinando? |
Eu pensaba nas vosas vacacións, en como o estariades pasando na praia, refrescándovos coa auguiña do mar... E dicíallo tamén á miña amiga Lingüereta, que tampouco para de darlle á lingua... Hum! Canto me gustaría poñer un bañador de galiña, que seguro que os hai, e darme un chapuzón ou unha volta nunha barquiña azul e branca, entre os reflexos das ondas que veñen e van... e nós as dúas, que sei que a ela tamén lle gusta mollarse cando da lingua galega se trata. O caso é que un día que cambiei de sitio para que limparan o po, crin que estaba tendo unha alucinación: vin unha barca no medio do xardín do cole!
Chamei á miña compañeira porque pensei que o calor do verán me fixera ver cousas que non existían e ela VIU O MESMO! Era certo, pois as dúas non podiamos ter o sentido alterado!
Con moito traballiño abrimos a porta da entrada e conseguimos achegarnos ata alí. Que bonitiña era e tiña unha rede e todo! Asexamos para adentro e achamos un libriño que poñía CADERNO DE BITÁCORA e no seu interior un sobre que dicía:
Queridas Carola e Lingüereta, tanto pensastes no mar durante o verán que vos deixo aquí dous elementos imprescindibles para comezar a navegar neste curso: unha barca e un caderno de bitácora para que vaiades anotando tódalas vosas aventuras mariñeiras. Que teñades unha boa singladura.Asinado: ....?
Quedamos abraiadas! Que ben! Seguro que nesta viaxe imos atopar moitas cousas interesantes: dende coñecer o mar propiamente dito á vida da xente que traballa nel, ata pensar que nos asusta del ou o seu papel no desenvolvemento da humanidade; iso si, sempre que non se atasque o noso barco a causa da contaminación do fondo e da superficie mariña.
No caderno de bitácora iremos deixando constancia das actividades que levaremos a cabo durante a nosa viaxe e que nos permitirán descubrir un mundo novo inmenso e descoñecido que está agardando polas mariñeiras e mariñeiros de Figueiroa.
Nós as dúas, Lingüereta e Carola estamos desexando comezar a navegar polas augas do curso 2018-19 cun mar de cousas interesantes.
Comeza AMAROMAR
Por certo, quen asinaría a carta?
Quen nos deixou os agasallos?
Ningún comentario:
Publicar un comentario