mércores, 30 de abril de 2025

BAILAMOS XUNTOS, CON DIFERENTES RITMOS

O pasado 2 de abril celebrouse, como cada ano, o Día Mundial da Concienciación sobre o Autismo e desde o noso centro quixemos unirnos á campaña promovida por Autismo España, "Somos infinitos". Dita campaña tiña como obxectivo principal concienciar á cidadanía da variabilidade do espectro do autismo, defendendo que cada persoa autista é única, ten as súas propias necesidades, capacidades e intereses e, por isto, precisa apoios especializados e individualizados, adaptados á súa situación e á etapa vital na que se atope.

Baixo o lema "Bailamos xuntos, con diferentes ritmos", estreitamente relacionado coa temática do noso PDI deste curso, "Escola de Baile", desenvolveuse unha bonita actividade da que se fixo partícipe á totalidade do alumnado do centro, desde 4º de Educación Infantil ata 6º de Primaria.
Tras acercalos a algunhas das características que adoitan acompañar ao TEA (Trastorno do Espectro Autista), así como á diversidade e amplitude do espectro por medio de diferentes iniciativas (dinámicas realizadas nas titorías, proxección de curtas sobre esta temática durante os períodos de recreo no salón de actos...), entregouse a cada titor/titora a infografía incluída a continuación, na que se refería o procedemento a seguir (pincha sobre ela para vela ao detalle).


O colofón da actividade consistiu en elaborar con todas e cada unha das pezas (tanto as que inclúen o "autopictograma bailongo" como as dos códigos QR que enlazan aos diferentes vídeos) tres vistosos quebracabezas (un para Educación Infantil; outro para 1º, 2º e 3º de Educación Primaria; e un máis para 4º, 5º e 6º de Primaria) que foron colocados nun lugar privilexiado do centro que aínda estaba por explorar: o "hall" exterior do cole.
Tres coloridos murais, cargados de simboloxía, que constitúen unha fermosa maneira de dar a benvida ao noso centro, verdade?


O inicio do visionado dos diferentes hologramas fíxose coincidir, ademais, coa celebración do Día da Danza a cal, por mor do apagón xeral, tivo que ser adiada do 29 ao 30 de abril.





A través da imaxe incluída a continuación (ben pinchando sobre ela, ben a través da lectura do código QR) podedes acceder á lista de reprodución da actividade no noso canle de youtube.


Incluímos o enlace a unha plantilla de holograma por se vos animades a facelo na casa e así poder desfrutar dos vídeos en todo o seu esplendor. Con acetato, tesoiras e pouco máis, xa estaría.

Ningún comentario:

Publicar un comentario